Coincidindo co inicio da Cimeira Mundial da Biodiversidade en Hyderabad (India), Ecoloxistas en Acción publica unha guía sobre as metas que se abordarán no evento, ao que asistirán representantes da organización.

A destrución da biodiversidade é un dos problemas ambientais máis graves e está vinculada á crise económica e a deterioración do benestar humano. A pesar diso, o Goberno converteu a biodiversidade nunha vítima máis dos recortes.

PDF - 1.5 MB
Guía de la Biodiversidad

A Guía da Biodiversidade «Las Metas de Aichi para periodistas y otras especies en peligro de extinción», dá a coñecer os 20 obxectivos concretos estabelecidos por Nacións Unidas en 2010 para salvar a biodiversidade. Uns retos, coñecidos como metas de Aichi, que deben ser atinxidos até 2020, o prazo límite para que a deterioración da natureza non chegue a un punto de non retorno. A partir de entón producirase unha deterioración profunda e drástica dos ecosistemas, segundo advirte o terceiro informe de Nacións Unidas Perspectiva da Biodiversidade.

O Goberno español, como o resto dos países asinantes, debe asumir as súas responsabilidades. Na cimeira de Hyderabad será especialmente importante avaliar o grao de cumprimento do Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica, adoptado na cimeira de Nagoya en 2010, que os estados deben trasladar ás súas lexislacións nacionais.

Ecoloxistas en Acción subliña que é primordial que durante a cimeira se avance na mobilización de recursos económicos para países empobrecidos, que precisamente son os máis ricos no que a biodiversidade se refire.