• Os praguicidas contaminantes hormonais presentes nos alimentos expoñen á poboación a un perigoso cóctel de tóxicos que diversos estudos científicos relacionan con danos na saúde humana.
  • O 28 % dos produtos analizados teñen residuos de praguicidas. A porcentaxe aumenta até o 45 % en froitas e verduras.
  • Os Estados europeos votan durante estas semanas unha proposta da Comisión Europea que pode permitir a presenza de contaminantes hormonais nos praguicidas.
PDF - 788.1 KB
[Informe] Directo a tus hormonas

O informe ‘Directo a tus hormonas. Guía de alimentos disruptores’ que presenta Ecoloxistas en Acción analiza datos oficiais da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) para alertar do perigo que supón a exposición da poboación española a praguicidas a través da alimentación.

En concreto, o informe centra a análise nun tipo de praguicidas, os contaminantes hormonais (tamén coñecidos como disruptores endocrinos ou EDC), con capacidade de alterar o funcionamento normal do sistema hormonal tanto de seres humanos como de animais. A guía elabora unha lista dos 10 alimentos máis contaminados. As peras, con 16 praguicidas EDC, ocupan o primeiro posto.

A exposición da poboación a estes tóxicos relaciónase con enfermidades e danos na saúde cuxa incidencia creceu nas últimas décadas como perda de fertilidade, malformacións conxénitas, diabetes, obesidade, danos no sistema inmune, autismo, síndrome de hiperactividade e diversos tipos de cancro como o de mama, próstata, testículos ou tiroides.

A lexislación actual, que permite a presenza de praguicidas por baixo dun límite de residuo por alimento, é inadecuada para os contaminantes hormonais. Calquera mínima cantidade entraña un perigo, que pode multiplicarse pola acción combinada das decenas de praguicidas atopados pola análise.

Por esta razón, o Regulamento Europeo 1107/2009 prohibe expresamente o uso de praguicidas que poidan afectar o sistema hormonal. Con todo, esta prohibición non se aplicou, porque a Comisión Europea non elaborou criterios legais para a identificación dos contaminantes hormonais.

O lanzamento do informe coincide coa discusión en Bruxelas dunha proposta de definición de contaminantes hormonais que recibiu duras críticas da comunidade científica, de organizacións para o coidado da saúde e o ambiente e de países como Suecia, Dinamarca e Francia.

Ecoloxistas en Acción considera necesario que os representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente se opoñan á proposta da Comisión Europea e dean un paso á fronte para protexeren a saúde da súa poboación, prohibindo os praguicidas que poidan alterar o sistema hormonal.